Perico Castro Couto

Perico Castro Couto: Textos críticos

A mensaxe das texturas e das sombras
Sempre alentou en Pedro Castro, Perico, a paixón polas pedras, pola súa textura, polos segredos que agochaban na súa superficie de séculos.
Lémbrome del, agarimando as antas dun dolmen situado nun outeiro, diante da Serra da Loba, procurando percibir pola pel a mensaxe gardada no silencio das rochas.
Neste tempo ou, se cadra, antes, quizais dende sempre, deulle por pintar. Coñecemos entón os seus debuxos, impresións a lapis ou a tinta, que nos agasallaban con algo que nos era propio: un cruceiro, un claustro, unha ñestra, un detalle románico ...
Soubemos tamén dos seus óleos e dos frescos cos que alumeaba as paredes de locais públicos e de salóns privados. Pero sempre foi no detalle da pluma e da tinta onde mais a gusto se atopou, o estilo que mellor lle permitiu transmitir a súa certeza da orixe, de estirpe, de ser no mundo. Advertimos entón que non era só o obxecto o que chamaba a súa atención, tamén era o ámbito, o espazo e o tempo, un universo cultural propio da súa colectividade, aquel no que asentaba o concepto de pertenza. Os debuxos de Perico alimentáronse entón doutras realidades próximas, familiares, complementarias; digamos celtas, de orixe e tradición, entendendo esta expresión nun senso amplo, tanto no relativo á propia interpretación do terrno como ao tempo e ao territorio. Hoxe, a obra de Perico é unha realidade ampla que se amosa, xa pública, buscando provocar complicidades, transmitir emocións, poñer en valor o noso patrimonio, esas pedras que son ao tempo casa, berce, rúa, barca, vela, campa, timón, firmeza e esperanza, esas pedras que somos nós.

Francisco X. Femández Naval