Páginas WEB del pintor Miguel Ángel Macía.

Miguel Ángel Macía, textos críticos

...este noso Miguel Anxo Macía é un grandísimo pintor, un dos grandes pintores galegos actuais. Ao afirmar isto non estamos a facer un eloxio de amigo, máis ou menos merecido, senón que nos limitamos a recoñecer e dar fe dunha realidade que a súa obra pictórica anuncia nos anos oitenta, afirma nos noventa e acredita vizosamente nestes anos do novo milenio.
Múltiples datos, subxetivos uns e obxetivos outros, amósannos tan nidia coma contundentemente que estamos diante dun mestre na súa plenitude creativa. Sabémolo porque nos recoñecemos nas paisaxes que configuran, constrúen e dan forma a rica escenografía dos seus óleos.
Sabémolo porque nos identificamos coas xentes (labregos, mariñeiros e urbanitas) que habitan e transitan os seus máxicos universos pictóricos. Sabémolo porque os seus lenzos e táboas irradian e transmiten a forza telúrica e ancestral que conforma e dá vida e sentido a esta nosa terra, a este noso país de néboas, traballos e soños.
E sabémolo sobre todo, porque a súa pintura conmovenos é emociónanos fondamente, inquédanos e desacóuganos e fírenos ate mancarnos coa súa intanxíbel e inmarcescíbel beleza.
Camilo Gómez Torres, publicado en “El Progreso”, 2008.